TeGa Carballo cualifica os orzamentos de “pouco realistas e continuístas”

Andrés Eiris Barca, portavoz de Terra Galega no Concello de Carballo_Cedida.

  • Considera “innecesaria” a contratación da Responsable de Comunicación do Concello como persoal eventual

A formación local de Terra Galega en Carballo non está conforme cos orzamentos para este 2021 aprobados pola corporación municipal este luns. O seu voceiro, Andrés Eirís, considera “continuístas e pouco realistas” uns presupostos que non se adaptan á situación actual que atravesa o Concello, algo que tamén comparte o Partido Popular, e que ademais “tampouco se converten dun ano para outro nuns presupostos sociais por pasar dun gasto comprometido no 2020 de 107.000 € a un crédito inicial de 120.000 euros para este ano”.

Eirís destaca que este plan se podía presentar perfectamente en decembro e “non ter que prorrogar o orzamento case dous meses”, e engade que para TeGa a realidade “é que o grupo de Goberno local leva desde que empezou a crise da Covid-19 en modo vacacións”.

Entre algunhas das cuestións polas que TeGa se mostra disconforme cos orzamentos atópanse os cartos adicados ao gasto de persoal. A formación política considera “innecesaria” a contratación da Responsable de Comunicación do Concello coma persoal eventual pois “xa temos en plantilla a unha periodista”. Para Eirís, esta contratación ten como obxectivos “pagarlle á periodista contratada o traballo realizado na campaña electoral e desinformar á cidadanía para que non pense por sí mesma”. Para TeGa estes cartos estarían mellor empregados en gravar os plenos e fomentar a participación dos veciños na vida política.

Outra das “barbaridades” que atopa o grupo político é o gasto en persoal de deportes, para o cal se destina un total de 837.408,27 euros, e onde “567.818,91 euros van na partida en persoal do fomento deporte e 269.589,36 € á partida en persoal instalación, cando temos o deporte externalizado nos clubs”.

No referido a gastos correntes en bens e servizos, que se incrementa en 276.598 euros con respecto ao ano pasado chegando neste 2021 a rexistrar un presuposto total de 12.466.508 euros, TeGa non entende o “aumento dun 309,81 % con respecto ao exercicio anterior na limpeza dos centros escolares xustificando este aumento pola Covid-19”. A agrupación considera que debería de haber unha mellor xestión xa que non é cuestión “de triplicar o número de horas, senón de reorganizar o servizo e non limpar sobre limpo”.

Outra das dedicacións orzamentarias cuestionadas por TeGa foron as axudas ao comercio local por un valor de 189.000,00 euros, unha partida “a todas luces insuficiente en tempos de Covid”. Segundo os datos aportados polo portavoz da agrupación, Andrés Eirís, as tarxetas Sempre Carballo “non deberon cumprir o obxectivo de paliar os efectos da crise, pois só foron rentables de xeito significativo para o 12% dos comercios adheridos”. Eirís tamén sinalou que uns dez establecementos non conseguiron vender ningún bono e que uns 38 venderon entre 2 e 10. Datos, por certo, que desde o Consistorio consideraron unha vulneración á Protección de Datos dos locais.