TeGA Carballo cuestiona a legalidade da adhesión de empresas ao programa bonos do concello

1 minutes read
  • O partido asegura que esta adhesión é en balde xa que «non ten bases aprobadas nin crédito dispoñible»

Este venres Terra Galega (TeGA) solicitou no rexistro municipal de Carballo un informe sobre a legalidade da adhesión das empresas ao programa bonos do concello, unha das iniciativas económicas para axudar a pemes e autónomos.

O grupo municipal dubida da legalidade desa adhesión alegando que esa partida de axudas foi aprobada no pleno do pasado día 29 de xuño e publicouse no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña (BOP) o 6 de xullo, tendo 15 hábiles para alegacións. Así, a aprobación definitiva destas axudas publicaríase despois do día 27.

«O Concello de Carballo abriu un plazo que para as empresas se adheriran ao programa de bonos, desde o 22 de xuño ata o 20 de xullo, sen publicar no BOP unhas bases dos requisitos que teñen que cumplir as empresas», sinala o voceiro de Terra Galega Carballo, Andrés Eirís Barca. Desde o partido «aseguramos que esta adhesión por parte das empresas é en balde, xa que estanse adherindo as empresas a algo ficticio que non ten ningunha base legal, en fin, nin bases aprobadas nin crédito dispoñible».

Eirís destaca que dos máis de 2.800 autónomos que hai no concello, tan só 220 se adheriron a este Plan, e segue reafirmando que «é unha axuda que non vai chegar a todas as empresas que o necesitan e encima chega moi tarde».