O portavoz de Terra Galega no Concello de Carballo, Andrés Eirís Barca, presentou no rexistro telemático municipal, ás sete da tarde deste xoves, unha copia da sentenza emitida o pasado día sete de marzo polo TSXG, relativa a revogación da licenza da gasolineira da rúa Poniente de Carballo.
Segundo afirma Eirís, “TeGa aporta esta segunda sentenza, pois en declaracións feitas polo Sr. Alcalde este afirma que non ten constancia física da mesma, e nós queremos facilitarlle unha copia para que realice á maior brevidade posible as xestións que considere, en aras de facer de Carballo un bo lugar para vivir”.
Os voceiros dos tres grupos da oposición manterán unha xuntanza para solicitar en conxunto un pleno extraordinario para que o Sr. Alcalde dea as explicacións deste asunto, “que lle vai a supoñer un desembolso importante de cartos a toda a cidadanía de Carballo”. Para solicitar este pleno extraordinario o pode solicitar a cuarta parte, ao menos, do número legal de membros da corporación, sen que ningún concelleiro poida solicitar máis de tres anualmente. Neste mandato sería o primeiro pleno extraordinario solicitado por algún membro da oposición. A celebración do Pleno non poderá demorarse por máis de quince días hábiles desde a súa solicitude.
Segundo Eirís, “a urxencia está xutificada pois o concello ten trinta días contados desde o seguinte ao da notificación da resolución para presentar recurso de casación. E os grupos queremos saber que é o que vai facer o concello, pois entendemos que presentar recurso de casación é retardar un proceso que alargalo no tempo levaría a un saqueo das arcas municipais aínda maior”, conclúe.