TeGa demanda melloras nas infraestruturas do circuíto do motor en Bértoa, Carballo

Adestramento en Bértoa do Campeonato de España de Autocross_Turismo de Carballo

  • A formación considera que as instalacións están infrautilizadas polas súas propias características

Terra Galega (TeGa) levará ao vindeiro pleno ordinario unha moción para dotar de infraestruturas e equipamento básico ao circuíto municipal do motor de Bértoa, Carballo. Desde a formación consideran que as instalacións “están infrautilizadas polas súas características” e que se debería xerar un novo espazo de ocio e deporte ao aire libre para, sobre todo, instar á cidadanía a que desfrute do mesmo.

“No mellor ano realízanse un par de competicións e un par de adestramentos polas entidades de motor do concello ou outras”, destaca o voceiro da agrupación, Andrés Eirís Barca. Durante o 2020, debido á pandemia, non houbo ningunha actividade no recinto e, no que vai de ano, tan só se realizou un adestramento polo concelleiro de Deporte, Marcos Trigo.

Con motivo da Covid-19 e todas as medidas de seguridade e restricións relativas á mesma, “os complexos deportivos Carballo Calero e Vila de Noia veñen sufrindo unha baixada considerable no número de usuarios/as”, sinalan desde TeGa, facendo ademais fincapé en que en Carballo estase producindo “un cambio de tendencia na práctica deportiva” apostando cada vez máis pola “práctica de actividades no exterior como se pode comprobar no paseo do río Anllóns, na pista polideportiva exterior de Bértoa ou na pista de skate”.

Terra Galega agarda que no pleno se acorde crear unha nova imaxe do circuíto, sen perder de vista o motivo da súa creación; así como modificar o regulamento de uso do mesmo establecendo as normas, preferencias de uso ou o control da instalación necesarias para a nova realidade.