Telefónica España gaña o concurso para a transformación dixital da Coruña


Telefónica España gañou o concurso convocado polo Concello da Coruña para a transformación dixital da cidade, que está dotado con 5,3 millóns de euros e executarase durante o próximos cinco anos. A partir de agora, Telefónica España poñerá en marcha un ambicioso proxecto que inclúe a telefonía fixa e móbil, a migración a telefonía IP de máis de 1.700 extensións, servizos críticos como o da policía, 010 ou bombeiros, a ciberseguridade, os servizos na nube, redes WIFI ou os centros de atención, entre outros. Unha transformación que mellorará exponencialmente a interacción dixital cos cidadáns e que sentará unhas sólidas bases tecnolóxicas para o desenvolvemento futuro de servizos dixitais.

Para o desenvolvemento e execución deste plan de transformación dixital, Telefónica España contará con provedores internacionais do máximo nivel, como Aruba, Azure, Fortinet, Google, Palo Alto ou Mitel.

«A Coruña, cos seus 240.000 habitantes e o seu gran centro urbano —comenta a directora de Telefónica en Galicia, Paula R. Beirán— é unha cidade moi importante, e por iso os equipos da nosa compañía implicáronse enormemente para desenvolver un proxecto que non só dea solucións á demanda de servizos actuais, senón que sente as bases para os novos servizos que sen dúbida irán aparecendo nos próximos anos. Estamos moi satisfeitos coa oportunidade que se nos brinda para percorrer este camiño ilusionante da man do excelente equipo técnico do concello da Coruña».