Tras o éxito da II edición celebrada o pasado ano, na que participaron máis de 4.000 escolares de 38 colexios galegos, Telefónica promove a III edición do concurso “Ciberseguridade non cole!” para alumnos de 10 a 14 anos.
A convocatoria está dirixida ao alumnado de 5.º e 6.º de primaria e 1.º e 2.º da ESO, e o prazo de inscrición para participar estará aberto ata o próximo 9 de outubro á 14.00 h. O obxectivo do concurso é fomentar a concienciación en materia de ciberseguridade no ámbito escolar, e facilitar que os alumnos adquiran os coñecementos e as ferramentas necesarias para facer fronte aos riscos que entraña o uso dos medios dixitais, ademais de promover unha cultura de ciberseguridade entre os adolescentes.
Para poder participar no Concurso os Centros Educativos de Educación Primaria e/ou Secundaria deberán inscribirse nun formulario vía web na seguinte enlace. Os centros educativos participantes no concurso e que rexistrasen correctamente o formulario serán informados o 11 de outubro vía correo electrónico cos detalles da súa participación e os requisitos técnicos (equipo informático con conexión a internet) necesarios para a primeira fase inicial online do concurso, que se celebrará o 18 de outubro. Será requisito necesario rexistrarse utilizando un correo electrónico do propio centro escolar para validar a súa participación. Posteriormente daranse a coñecer os 3 equipos finalistas de cada categoría (Primaria e Secundaria), que serán convidados a participar na fase final presencial que se celebrará o día 3 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago durante o Encontro Ciber.gal, onde serán anunciados os gañadores.
Os detalles máis relevantes do concurso e as súas bases legais poden consultarse no portal da consellería de Educación na seguinte enlace.