O proxecto piloto 5G en Galicia, impulsado polo ministerio de Economía e Empresa a través de Red.es e liderado por Telefónica, foi presentado este martes en Vigo. Trátase dun dos dous proxectos piloto de tecnoloxía 5G que o Goberno promoveu para o desenvolvemento desta tecnoloxía en España mediante unha convocatoria pública de axudas que conta co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a cargo do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE).
O piloto que se desenvolverá en Galicia terá unha duración de 24 meses e un orzamento de máis de 11 millóns de euros, para o que se solicitou unha axuda de máis de 4 millóns que será cofinanciada por Red.es con cargo ao FEDER. A presentación do proxecto tivo lugar o martes 10 de setembro en Vigo, no Museo de Arte Contemporánea, e foi presidido pola ministra de Economía e Empresa en funcións, Nadia Calviño. No acto tamén participaron, entre outras autoridades, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o secretario de Estado para o Avance Dixital en funcións, Francisco Polo, e a conselleira delegada de Telefónica España, María Jesús Almazor.
Ademais da apertura institucional, o acto contou coa celebración dunha mesa redonda moderada polo director xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, Roberto Sánchez, acompañado polo director xeral de Red.es, David Cierco Jiménez de Parga; o director de Operacións, Rede e TI de Telefónica España, Joaquín Mata, e a xerente de Innovación de Telefónica España, Mercedes Fernández.
O piloto de 5 G en Galicia, que xa se atopa na primeira fase de desenvolvemento, inclúe oito casos de uso que se van a desenvolver nesta comunidade autónoma a cargo da Unión Temporal de Empresas composta por Telefónica, Ericsson, Nokia, Cinfo, Idronia, Telnet Redes Intelixentes e Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Fernández-Vigo.