Telefónica xa chega con fibra a máis da metade da poboación galega


Telefónica continúa coa súa política de colaboración público-privada para situar a Galicia á vangarda en infraestruturas de telecomunicacións de última xeración. A finais de 2019 máis da metade da poboación da Comunidade autónoma contaba con cobertura de fibra óptica (FTTH) da multinacional dixital, e en municipios como Sarreaus (Ourense) ou Meira (Lugo) a cobertura chega ao 100%.

Ao longo de 2019 sumáronse 125.721 unidades inmobiliarias (vivendas, locais, negocios, empresas, polígonos industriais, etc.) ata totalizar 987.842 UUII, un 14,58 % máis que no exercicio anterior. A previsión é que este ano outras 148.216 unidades inmobiliarias entren en cobertura con FTTH, aumentando en máis dun 8% a poboación galega que poderá gozar da fibra óptica de Telefónica.

Están previstos ao longo do ano despregues en localidades das catro provincias galegas para completar a extensión da fibra óptica en municipios como Bergondo (A Coruña), Caldas de Reis (Pontevedra), Boborás (Ourense) ou Castroverde (Lugo), alcanzando tamén a núcleos dispersos e orográficamente complexos.

O despregamento de fibra óptica en Galicia realizouse con recursos propios da compañía e cos achegados polos programas de axudas de extensión de banda ancha das administracións autonómica e central. A fibra óptica permitirá aos usuarios de Telefónica ir incrementando o uso de banda ancha nos próximos anos na medida que a progresiva dixitalización das actividades particulares, profesionais e empresariais así o esixa. A fibra óptica de Movistar ofrece voz con alta calidade nas chamadas, máxima velocidade de conexión a Internet e conectar varios dispositivos (computador, tablet, móbil…) a Internet simultaneamente sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes.

Ademais, se o usuario dispón de Movistar+ terá acceso a canles de alta definición co dobre de resolución que a TDT ou o DVD e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet. Igualmente conseguirá unha maior interacción en xogos en rede cunha conexión fluída e sen cortes.