Temporal de auga, vento e un tornado desborda aos servizos de emerxencias

1 minutes read

Multitude de incidencias relacionadas co temporal de auga e vento que afecta a Galicia producíronse desde a madrugada ata o mediodía deste xoves. A Costa da Morte está tamén en alerta vermella no mar por ondas de máis de 10 metros.

En Carballo, Bombeiros, Protección Civil, Brigada de Obras e Policía Local traballaron duro desde primeira hora para restablecer a normalidade en diferentes incidencias do centro urbano, houbo caída de carteis, valos de obra e uralitas na rúa Luís Calvo, desprendementos de cascotes na rúa Gran Vía, micro cortes de luz que afectaron á regulación semafórica, raios e refachos de vento de ata 120 km/hora. Ademais, varios vehículos estacionados sufriron danos pola caída de materiais dos edificios. A estrada de Carballo a Baldaio-Caión estivo cortada, igual que a de Coristanco a Santa Comba por ramas na calzada.


Estubo cortada a estrada de Borneiro a Baio pola caída dun arbol, igualmente a vía que une Arteixo e Caión tamén estivo cortada polo mesmo motivo preto dunha hora. Desde o 112 Emerxencias Galicia informaron de que se tivo constancia dun tornado no lugar de Santaia de Arriba en Arteixo, sen que se producisen danos persoais.

Ademais, un refacho de vento esnaquizou un alpendre, un hórreo e o valado nunha casa no lugar da Senra, en Ordes, sen que houbese que lamentar danos persoais. Ocorreu preto das 11:20 horas e atenderon a situación os Bombeiros de Ordes e a Policía Local.

Por outra banda, producíronse tres saídas de vía ás 10:20 horas na A-6, en Aranga, a causa do xeo na autovía, sen que ningunha persoa resultase ferida, pero onde interviñeron dos Bombeiros de Betanzos, do GES de Curtis e da Garda Civil de Tráfico.