O presidente de Afganistán, Ashraf Ghani, fuxiu este domingo de Kabul, no medio dun clima de pánico xeral pola chegada dos talibáns á capital afgá. As embaixadas baléiranse e os estranxeiros vanse. Os helicópteros estadounidenses están a evacuar ao persoal da súa embaixada, sobre a que se eleva o fume das fogueiras nas que están a queimar os documentos importantes.
Segundo medios locais, citados pola axencia ANSA, o presidente afgán saíu en dirección a Tadxiquistán. Tamén son moitos os civís que foxen. Hai colas nos caixeiros automáticos de xente que quere recuperar os seus aforros de toda a vida. Os talibáns afirman que non queren entrar pola forza en Kabul, senón negociar unha transición de poder.
Os insurxentes están acampados a só 50 quilómetros da capital. Nunha asombrosa derrota, os talibáns apoderáronse de case todo Afganistán en pouco máis dunha semana, a pesar dos miles de millóns de dólares gastados por Estados Unidos e a OTAN durante case dúas décadas para reforzar as forzas de seguridade do país.
Nas zonas que acaban de controlar os talibáns, como Herat, estes están a entregar cartas de amnistía a curto e longo prazo ás forzas do goberno afgán. Aos que proceden doutras provincias proporciónanlles cartas temporais de tres días para que regresen ás súas provincias de orixe, onde terán que conseguir outra carta de amnistía a longo prazo. O ministro de Interior en funcións, Abdul Sattar Mirzakwal, asegurou nunha mensaxe televisada que non se producirá ningún ataque en Kabul e a transición de poder levarase a cabo de maneira pacífica.