A 12ª edición da Primavera en ruta posta en marcha pola asociación ambiental Senda Nova continúa con éxito. Esta pasada fin de semana máis de vinte personas desfrutaron da terceira parada dun conxunto de andainas para descubrir a comarca de Bergantiños e, neste caso, Coristanco. O itinerario polo sur do concello pasou polas parroquias de Seavia, Ferreira, Couso e Cuns. Trátase, segundo membros da asociación, dun dos «percorridos con maior personalidade e, sen dúbida, o máis duro a nivel físico».
A igrexa de Seavia, a Ponte Trilla, a Torre de Nogueira ou o Cotón de Ferreira encheron a mochila cultural dos participantes grazas tamén ás explicacións aportadas por Martín Rabuñal, Jose Antonio Andrade ou Evaristo Domínguez.
Desde Senda Nova destacan que «por segundo ano consecutivo botamos de menos a máis interesante das visitas: a que cada ano nos levaba a abraiarnos coa obra da polifacética e autodidacta Asunción Antelo». A entidade pregúntase se a sociedade galega non sabe aproveitar «unha obra e un legado impecable en arte e exemplo», e que o Concello de Coristanco «melloraría en quererse se o museo dunha figura exemplar puidera servir para que o propio pobo puidese visualizalo a miúdo».
A próxima ruta será a das Mámoas, en Cabana de Bergantiños.