Termina en Santiago o V Roteiro Yakart de Autocaravanas

O V Roteiro de Autocaravanas Yakart Camiño de Santiago concluíu este domingo en Compostela despois de que os 52 vehículos participantes percorresen un total de 632 quilómetros. Este domingo, os turistas, cuxos vehículos estaban estacionados na área de autocaravanas de Salgueiriños, saíron a pé cara á Catedral, onde pousaron para a tradicional foto de grupo antes de despedirse ata a próxima edición.

No roteiro participaron 52 vehículos e 120 persoas, que proceden de 19 provincias españolas. A maioría,13 autocaravanas, viñan de Barcelona, mentres que Alacante, con seis vehículos, é a segunda provincia con máis representación. Nesta pasada semana percorreron as catro provincias galegas e un total de seis concellos, con paradas na Coruña, Viveiro, Lugo, Cartelle e Cambados, antes de chegar a Compostela.

En total, foron 632 quilómetros para divertirse e facer turismo dunha maneira diferente que cada día conta con máis adeptos. O presidente do Caravaning Club Yakart, Antonio Jul, asegura que o obxectivo do Roteiro de Autocaravanas Yakart Camiño de Santiago é «atraer a xente a Galicia e potenciar este tipo de turismo». Jul destaca o éxito que cultiva cada edición do roteiro, que permite aos autocaravanistas coñecer a xeografía galega dunha maneira diferente e acompañados doutras persoas que comparten a súa afección por esta forma de viaxar. «Veñen autocaravanas desde Barcelona, Alacante, Madrid, Andalucía –explica–, de Galicia só temos catro pero a idea é precisamente esa, que veña xente de fóra para coñecer esta terra».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha