Terra Galega insta ao Goberno de Carballo a poñer en práctica o que demanda á Xunta

2 minutes read

Facendo mención ao afamado dito «consellos vendo que para min non teño» a agrupación local de Terra Galega en Carballo, por mediación do seu voceiro, Andrés Eiris, vén de criticar a postura do equipo de Goberno en canto ás axudas aos sectores que máis están a padecer en materia económica a crise da COVID-19.

Dende TeGa amósanse «dacordo con que como di o deputado nacionalista carballés Daniel Pérez, a Xunta debe poñer en marcha axudas directas e urxentes para o sector da hostalería». Van máis alá os centristas e afirman que «nós pediriamos incluir nesas axudas a outros sectores igual ou máis perxudicados como lecer, cultura, deportes, turismo,…».

Críticas ao programa de bonos do Concello

TeGa critica o programa de axudas indirectas en forma de bonos por valor de trinta euros posto en marcha polo Goberno local. Segundo a formación, «son uns bonos nada solidarios porque agasallábase a mesma cantidade ao máis pobre e ao máis rico de Carballo». Consideran esta medida como «unha medida máis para axudar ao comercio local pero non para paliar a crise de autónomos, microempresas e pemes».

Segundo afirmaron dende a agrupación local de Terra Galega, «os establecementos que máis bonos contabilizaron son os que mellor están soportando a crise. Son 262 os establecementos adheridos a este programa cando preto de cincocentos autónomos e microempresas da capital bergantiñá solicitaron as axudas directas do PEL Reactiva que financia a Deputación» nun 80 por cento».

Denuncian tamén que o «éxito do que fala o concelleiro delegado de Promoción Económica, Xosé Regueira, non foi tal, e máis cando non cre nas axudas directas ao igual que o alcalde de Carballo».

Mirar para outro lado

Terra Galega acusa ao executivo carballés de «mirar para outro lado e vivir nunha realidade paralela, sen ter empatía cunha poboación que o está a pasar realmente mal, namentres que os políticos cobran o cento por cento do seu soldo» e instou ao Goberno local a «coller o touro polos cornos».