- Os hostaleiros confían en que tras esta apertura, coa metade das mesas nos espazos exteriores e un trinta por cento no interior dos locais, continúe a desescalada e o sector comece a remontar.
Ninguén quere oír falar dunha cuarta vaga de coronavirus, e os hostaleiros menos. A maioría xa só atenden con reserva. Saben que o cliente ten ganas de saír e eles teñen o espazo reducido á metade en mesas exteriores. Con todo, parece que igual imos demasiado rápido. Os veciños dan a voz de alarma por casos de aglomeracións ou límite de cumprimento dos horarios, e as policías locais están vixiantes para que as normas se cumpran na medida do posible. De momento parece estar todo baixo control, pero certo é que tamén de momento a maioría dos locais de hostalería aínda están pechados. Complicada será a situación cando aumente o número de empresarios que decidan volver a abrir os seus bares ou restaurantes, os medios humanos de control son, en casos, moi limitados. Dende esta semana os hostaleiros entregarán obrigatoriamente á Xunta unha acta de accións e incidencias nos locais, unha ao mes en vilas de menos de 20.000 habitantes e unha á semana nos de máis poboación.