Terremoto de magnitude 5 na Palma


O volcán de Cumbre Vieja non dá tregua a piques de cumprirse seis semanas desde o inicio da erupción, e xa hai 963,73 hectáreas afectadas e un aumento dos terremotos -incluído o maior rexistrado ata o de agora- de magnitude 5. Os expertos afirman que mesmo podería aumentar a intensidade dos movementos sísmicos, de forma que se o deste sábado chegou a IV-V nunha escala de XII poderíase alcanzar a VI. O Pevolca referiuse á superficie afectada pola lava do volcán, que empeza a ser «importante» ao superar as 963,73 hectáreas, e agregou que, segundo os datos dos satélites Copernicus, foron destruídas 2.532 edificacións-construcións, e 149 están en risco, pero estes datos contrastaranse nos próximos días. En canto á calidade do aire, o dióxido de xofre chega a uns 4.000 metros de altura no penacho do volcán e está en lixeiro descenso, mentres que os ventos dominantes son de compoñente sueste e leste, o que ten como «única vantaxe» que non haberá problemas operativos no aeroporto da illa.