- O Concello anima a asistir ás presentacións ás familias voluntarias que estean concienciadas co medio ambiente.
Como foi anunciado recentemente, o Concello da Laracha está a iniciar un proxecto medioambiental pioneiro en Galicia que ten por finalidade recoller a materia orgánica que se produce nas vivendas e establecementos hostaleiros e comerciais para transformala en compost, un fertilizante completamente natural que, despois, será empregado para aboar xardíns e hortas do municipio.
Por iso o Concello da Laracha está a procura de familias concienciadas co medio ambiente, ás que se lles entregará un «kit de voluntariado marrón», consistente nun cubo de dez litros, bolsas compostables e unha chave coa que abrir o colector marrón que se colocará nas rúas a primeiros do ano 2020.
Este proceso de alta é voluntario poderá realizarse na web do Concello (www.alaracha.gal) ou asistindo ás presentacións que se realizarán durante a semana, en Paiosaco (luns no centro sociocultural), A Laracha (martes na Casa da Cultura) e Caión (mércores na oficina de turismo, antiga reitoral), en todos os casos a partir das 20:00 horas.
Coa axuda da Xunta de Galicia e de Sogama, o Concello implantará este novo servizo e a partir de primeiros de ano todas as familias voluntarias poderán baleirar os seus restos de comida nos caldeiros domiciliarios que lles entregarán para, a continuación, baixalos ao colector que estará na rúa. Soamente as familias que teñan a chave poderán usar este colector marrón. Por iso buscan familias concienciadas co medio ambiente e que desexen sumarse a esta iniciativa dirixida a reducir residuos, respectar o medio e coidar o planeta.