Tim Berners-Le vende o código orixinal da WWW como un NFT por 5,4 millóns de dólares

O creador da rede de redes súmase á moda dos NFT vendendo o código orixinal co que creou a World Wide Web por 5,4 millóns de dólares.

Hai 32 anos nacía a World Wide Web de mans de Sir Tim Berners-Le, físico británico que pretendía mellorar o fluxo de información do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear). O obxectivo era xestionar de maneira conxunta todo o volume de información, interconectando todas as investigacións da Organización. En 1993 o CERN deu luz verde á apertura deste concepto ao mundo enteiro.

Pasaba a poder ser así utilizado por calquera e en poucos anos xa eran millóns de usuarios que se uniron a esta corrente de información. Este é o inicio do internet tal e como o coñecemos agora, os primeiros pasos que agora se plasmaron nun NFT e poxado pola Sotheby’s.

O 23 de xuño comezou a poxa por 1.000 dólares e co paso dos días o seu prezo subiu ata os 3,5 millóns, pero nos últimos 15 minutos a poxa acelerouse ata pecharse en 5,4 millóns de dólares. Esta venda superou os 2,9 millóns conseguidos polo primeiro tweet de Jack Dorsey, fundador de Twitter, aínda que non chega ao récord de 69 millóns obtidos polo artista Beeple, é a tolemia dos NFT.

Por ese prezo, Tim e a súa esposa venderon varios arquivos con marca de tempo do código orixinal, un vídeo animado do código mentres se escribe, unha carta de Sir Tim e un póster dixital do código. «Non estou a vender a web, non terás que empezar a pagar diñeiro para seguir ligazóns. Nin sequera estou a vender o código orixinal», tivo que explicar Berners-Le a The Guardian.

O NFT representa máis unha representación desa creación, como os bosquexos dun artista, pois a obra orixinal completa non está á venda nin se lle pode adxudicar unha propiedade intelectual que puidese aproveitarse monetariamente dela, como explicou o físico. «Vendo unha imaxe que fixen, cun programa de Python que escribín eu mesmo, de como se vería o código fonte se estivese pegado na parede e asinado por min» aclarou.

O diñeiro recadado destinarase a varias causas elixidas pola parella. A casa de poxas tamén confirmou que pagará unha compensación de carbono polos «custos de cuñaxe e transacción da venda». Os NFT e demais mercados baseados no blockchain como as criptomonedas reciben fortes críticas por aumentar os niveis de contaminación no mundo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha