- A Oficina Técnica Municipal recibiu solicitudes para a construción de 31 vivendas unifamiliares e 22 en dous bloques de pisos
No ano 2021 tramitáronse no Concello de Carballo solicitudes de licenzas para a construción de 53 vivendas: 31 unifamiliares e 22 distribuídas en dous edificios de 11 pisos cada un deles. Estes dous novos bloques situaranse na rúa Perú e na Praza de Galicia, sumándose así á primeira promoción en marcha dende o estoupido da burbulla inmobiliaria: un edificio de 19 vivendas que está en construción nun solar situado entre as rúas Nicaragua, Costa Rica e Brasil.
Os datos reflicten un tímido abrocho da actividade inmobiliaria, que era practicamente inexistente dende o ano 2008. De feito, as 53 vivendas que se construirán nos vindeiros meses constitúen a cifra máis alta dende o 2009.
O sector continúa padecendo aínda os efectos do bum inmobiliario da primeira década dos 2000. En Carballo o récord acadouse no ano 2006, no que se tramitaron solicitudes para 1.138 vivendas. A cifra caeu en picado a partir do 2008, e nos anos 2013 e 2014 tocou fondo, con só 6 vivendas cada ano. Dende o 2009, a práctica totalidade das licenzas solicitadas foron para casas unifamiliares. No 2018 presentouse a primeira solicitude para a construción dun edificio de pisos, en concreto o situado entre as rúas Nicaragua, Costa Rica e Brasil; a licenza foi aprobada pola Xunta de Goberno Local a finais de xaneiro do 2019, e as obras empezaron hai uns meses. Na rúa Perú, un cartel sinaliza o solar no que está prevista a construción dun edificio, e na Praza de Galicia levantarase, segundo o proxecto básico aprobado o mes pasado pola Xunta de Goberno Local, un bloque de 11 vivendas, 11 rochos e 17 prazas de garaxe, nas parcelas identificadas cos números 5 e 6, nas que existen dúas casas en estado ruinoso que xa teñen licenza de demolición.