Todas as áreas sanitarias terán un protocolo de actuación para incidentes de múltiples vítimas


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou este martes a implantación dun protocolo de actuación para incidentes de múltiples vítimas, en todas as áreas sanitarias, ao tempo que subliñou a importancia de que, neste tipo de sucesos, todos os servizos sanitarios implicados actúen dun xeito uniforme e previamente consensuado. O titular da carteira sanitaria lembrou que, nos últimos anos, producíronse en Galicia varios incidentes de múltiples vítimas, que proporcionaron a oportunidade de aprender e evolucionar na atención ás mesmas, e que fan desta Comunidade Autónoma un exemplo a nivel mundial en canto á estrutura, organización, coordinación e xestión integradora neste tipo de situacións, que debe ser compartido con todos os profesionais da emerxencia.