Pleno ao cinco en Carballo: todas as zonas de baño obteñen un “excelente” por parte da Xunta

Concello de Carballo

  • Na costa carballesa están controlados sanitariamente os areais de Arnados, Pedra do Sal, Razo, Ría de Baldaio e Saíñas

Se de algo pode presumir o Concello de Carballo é da “excelente” calidade da auga das súas praias. Na costa carballesa hai cinco zonas de baño controladas sanitariamente: Pedra do Sal, Razo (que a efectos de salvamento divídese en tres: Cabreira, Intermedia e Posto), Arnados (que inclúe tamén a Explanada), Ría de Baldaio e Saíñas. Todas elas obtiveron moi boa puntuación na clasificación sanitaria final do 2020 remitida pola Consellería Sanidade.

Grazas ao traballo constante, Carballo renova ano tras ano o distintivo da Bandeira Azul para diferentes espazos. Ademais é o único concello da Costa da Morte, e un dos poucos de Galicia, que conta cos certificados ISO 14001 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación e a mellora continua do areal.

A localidade carballesa ten implantado desde o ano 2014 un sistema de xestión ambiental, de cuxo seguimento se encarga un órgano xestor, que ten como principal obxectivo converter as súas praias nun referente paisaxístico sostible co medio ambiente. Ao mesmo tempo, desde a Administración local seguen traballando noutros aspectos relacionados coa protección do medio costeiro e dos seus usuarios como a redución da velocidade dos vehículos nas zonas de acceso, a extensión da rede de abastecemento de auga a todo o litoral ou campañas de sensibilización ambiental.

Desde o Concello lembran que desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro está prohibida a presenza de cans nas praias.