Todo a punto no barrio carballés da Milagrosa para celebrar o 1º Aniversario do RE-nacemento do Chorón

2 minutes read

A Asociación Cultural e Deportiva A Milagrosa atópase inmersa na programación da que será a 2ª edición da festa de Entroido na que se conmemorará o 1º Aniversario do RE-nacemento do Chorón. Este sábado tivo lugar, no local da antiga escola de Arrabaldes do barrio e nun pre-ambiente festivo, a presentación da programación deste evento que está chamado a consolidarse como referente na capital de Bergantiños. Na cita estiveron presentes varios membros da xunta directiva co seu presidente a fronte, José Luis Barca Añón, (Luitino).

Luitino foi o encargado de desgranar a composición do programa deste primeiro aniversario, que terá lugar o sábado 10 de febreiro na Corredoira da Asturiana (Rúa José María Castroviejo). Os actos desenvolveranse baixo unha gran carpa climatizada, onde haberá unha pulpeira dende primeira hora. A música terá un protagonismo importante, ás 13:00 horas na disco móvil LB Dj Giancarlo será o encargado de animar a sesión vermú. Ás 14:00 chegará o turno do grupo laxense O Tren da Unha. Logo, durante toda a tarde, de novo na disco LB, pincharán Dj Giancarlo e Litainer.

Ás 18:00 horas dará comezo a Procesión do Chorón, que percorrerá varias rúas do barrio e a continuación terá lugar a celebración do primeiro aniversario no xardín do Fórum, onde o Choronciño leva un ano descansando en paz, “excepto pola caca dos cans”, tal e como matizou o presidente, que instou a veciñanza a manter a zona civicamente limpa. A festa de Entroido rematará ás 21:30 horas coa actuación do grupo musical La Bamba e ademais haberá un sorteo dunha gran Cesta de Entroido.

Dende a Asociación Cultural e Deportiva A Milagrosa agradecen a colaboración da veciñanza, o apoio das casas comerciais e tamén do Concello de Carballo.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?