Menos dunha semana queda para celebrarse a II Esfolla Popular de Lañas, en Arteixo, que pretende exaltar unha das tradicións máis importantes da zona e todo o que vai ligado a ela. Desde a AVRCD Fontesvellas, organizadora do evento, informan de que están a traballar moi duro para que todo salga perfecto este sábado 5 de novembro e ademais decidiron ampliar a programación.
No 2019, ano de celebración da primeira edición, as actividades concentráronse pola tarde. Este ano, desde primeira hora da mañá, ás 11:30, as persoas que se acheguen poderán aprender a realizar o “Cortado do Millo”, na leira que se atopa xunto á parada de autobuses. Pero non todo vai ser traballar.
A Esfolla contará tamén cunha comida para todos os asistentes, ao mediodía, na que se degustarán sardiñas cocidas con cachelos e churrasco. Todo isto baixo unha gran carpa, no Campo da Festa de Lañas, onde tamén, durante a tarde, se realizará a “peteleira” e, durante todo o día, terán lugar diferentes actividades recreativas e culturais, así como distintas exposicións e a actuación da Agrupación Triskell.
Desde a organización esperan repetir o éxito alcanzado na primeira edición, que estivera pasada por auga pero que, aínda así, levantara unha gran expectación.