Todo a punto para o inicio das obras do campo de fútbol das Eiroas

1 minutes read
  • Trátase da creación dun novo graderío e a ampliación dos vestiarios.
  • Foron adxudicadas por 453.725,80 euros. O prazo de execución é de seis meses.

As obras consistirán en modificar o sistema de produción de auga quente e calefacción trasladando a caldeira actual ao cuarto de instalacións dos vestiarios do campo auxiliar, o que permitirá acondicionar un segundo vestiario de árbitros, necesario cando os equipos arbitrais están compostos por homes e mulleres.
A seguinte actuación é a construción, no fondo norte, dunha nova grada cuberta con capacidade para 300 espectadores, o que implicará desmontar o peche actual nesa zona, trasladar o vídeo-marcador e demoler a conserxaría. A grada será de formigón con asentos de plástico de cores, predominando o azul e o granate da uniformidade do Bergantiños, principal usuario da instalación. A fachada da zona norte terá unha nova imaxe, cunha nova conserxaría integrada baixo unha cuberta de formigón armado que cubrirá todo o acceso ao estadio.
O proxecto inclúe un terceiro obxectivo: a urbanización exterior do viario, que se desprazará cara ao norte, acaroado ao peche do parque de bombeiros para gañar espazo para o peón mediante plataforma única e xerar unha zona auxiliar de aparcamento.