Así, o campo do río de Ponte Ledesma acollerá o venres 5 de agosto unha nova edición da “Noite Velada”. Esta iniciativa, organizada polo Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón, busca aunar a tradición e a cultura baixo a imaxe dunha ponte histórica que volverá alumearse coa luz das candeas e as teas, despois das restricións das últimas edicións.
O mesmo escenario acollerá dous días despois, o domingo 7 de agosto, ás 20:00 horas, unha recreación da histórica “Batalla de Ponte Ledesma”, organizada polo Concello de Boqueixón e que presenta varias novidades. A primeira será a recreación da batalla entre a veciñanza liderada pola Xunta de Trasdeza e as tropas napoleónicas en marzo de 1809, que se saldou con vitoria veciñal. Unha recreación na que participarán veciños e veciñas de Boqueixón, así como os “franceses” da Asociación Cultural Heroes de Casaldeirigo (Valga), todos eles dirixidos polo actor Suso Martínez.