Todo listo, non perdas detalle da Cabalgata de Reis de Carballo


Será este domingo 5 de xaneiro ás 17:00 horas cando os Reis chegarán en coches ao Centro Comercial Bergantiños Hiper-GADIS escoltados pola Policía e Protección Civil, que serán os encargados de que todo o desfile transcorra con seguridade e tranquilidade, ademais de regular o tráfico ao paso das carrozas. As súas maxestades saudarán aos nenos e nenas antes de subir ás carrozas.

Itinerario

Ás 17:30 horas será a saída do aparcamento do CC Bergantiños-Gadis por Avd. Ponte da Pedra, Pedra Furada, Xeranios, Papoula, Av. das Flores, Poñente, Perú, Estrela, Vázquez de Parga, Camiño Novo, Praza de Galicia, Fomento, Río Anllóns, Río Miño, Compostela, A Brea (Parada), Berdillo, Sol, Martín Herrera, Alcalde Jacinto Amigo (Parada para visitar a Igrexa), Desiderio Varela, Gran Vía, Vázquez de Parga, Valle-Inclán e Colón, con chegada á Praza do Concello ás 19.30- 20.00 horas, aproximadamente.

Para facer máis levadeira a espera dos Reis Magos os nenos e nenas que o desexen poderán desfrutar de animación na Praza do Concello a partir das 18.30 horas con actividades e xogos ata a chegada da cabalgata.

O acto de recepción celebrarase na carpa que está instalada diante do Concello onde poderán esperar os nenos e os pais. Á chegada dos Reis, o Alcalde en nome de todo os cidadáns de Carballo recibirá e saudará ás Maxestades Reais, que se dirixirán a todos os asistentes.

 A continuación, e xa dentro da casa do Concello, os nenos e nenas poderán achegarse aos Reis e facerlle entrega das cartas en man e realizar as peticións que desexen, onde tamén disporán dun buzón real para deixar as súas cartas.

Nas parroquias

As cabalgatas tamén chegarán a diferentes parroquias do Concello, o día 5 e o turno de Artes, Ardaña, Berdillo, Entrecruces e Sísamo. O día 6 farán acto de presenza en Sofán, Razo, Cances e Lema.

Recomendacións de seguridade

Os distintos servizos encargados da seguridade durante a celebración da Cabalgata dos Reis, Protección Civil e Policía Local, recomendan a todos os pais, nais e asistentes que teñan vixiados en todo momento aos nenos e nenas que acudan a este acto e garden a distancia de seguridade con respecto ás carrozas, e nunca situarse diante das mesmas. Non está permitido achegarse a elas.

Prégase tamén aos maiores que faciliten aos nenos as primeiras filas e espazos para que os máis cativos poidan ver mellor aos Reis. Non se debe subir ao mobiliario urbano nin a varandas que poidan ser inestables e perigosas. Advírtese sobre a extrema precaución cos carros dos bebés, que non sobresaian das liñas do público marcada polos servizos de seguridade.

Non se pode invadir a calzada e débese impedir que os menores entren en zonas delimitadas para o desfile. Débense respectar en todo momento as indicacións sobre as liñas para o público marcadas polos servizos de seguridade, non recoller caramelos próximos ás carrozas, nin na calzada e non utilizar paraugas para recoller caramelos, xa que supoñen un perigo engadido para os máis pequenos. En todo momento, débense atender e respectar ás indicacións da organización e servizos de seguridade.

Desde a organización pídese e agradécese a colaboración da cidadanía para o correcto desenvolvemento desta actividade e así poder desfrutar desta tarde tan especial para todos.