Todo preparado para a 7ª edición do Rexenera Fest Carballo, onde se actuará en seis rúas

Cartel Rexenera 2021

  • Do 3 ao 13 de xuño en Carballo mesturaranse arte, cultura, diversión e deporte

O Rexenera Fest, o festival internacional de arte pública de Carballo, volve na súa 7ª edición con moita forza. Do 3 ao 13 de xuño seis artistas mudarán seis rúas da vila con obras de gran formato. En concreto crearanse novos proxectos na confluencia das rúas Río Miño e Río Sil; na Avenida da Milagrosa 29, diante da panadería; na rúa Xazmíns, Fábrica e Mandeo; e no cruzamento entre Gran Vía e a rúa Rosalía de Castro.

Nesta 7ª edición 2021 o festival contará coa participación do arxentino Franco Fasoli, un dos artistas pioneiros e máis recoñecidos na dinámica escena da arte urbana arxentina e unha figura histórica esencial no panorama latinoamericano e europeo. Nas súas obras reflíctense as contradicións das sociedades actuais, a constante loita entre dominantes e dominados. Fasoli iniciará o seu traballo este xoves, 3 de xuño.

O venres será o turno da zaragozana Harsa. É unha das artistas máis activas da escena estatal, movéndose con comodidade entre distintos eidos como o editorial, o publicitario, o galerístico ou o circuito de festivais de arte urbana. A súa obra está vencellada directamente coa ilustración contemporánea, con claras referencias á ilustración dos anos 50 e 60 no plano estilístico.

Durante a mesma xornada, pero pola tarde, a sevillana Ana Langeheldt, tamén coñecida como Lahe178, comezará a traballar no seu proxecto. Destacou a finais dos anos 90 e principios do 2000 no eido do graffiti, facéndose un nome a nivel estatal. O seu expresivo e versátil estilo atopa a inspiración entre o folclore e a modernidade.

Durante a fin de semana achegaranse ata Carballo Marta Lapeña e Iván Floro. A madrileña é outra das artistas que veñen pisando forte. A súa carreira móvese entre galerías, feiras de arte e festivais de arte urbana, A súa obra caracterízase por unha pincelada solta e expresiva, coa que trata temáticas moi ligadas ao territorio no que intervén. Pola súa banda, o catalán Floro, tamén coñecido como Van Vúu, é un dos principais representantes dunha nova e destacada xeración de muralistas contemporáneos. Van Vúu desenvolve un estilo cercano ao impresionismo, as temáticas tratadas nas súas obras, versátiles e frescas, derivan desa pertenza á xeración dos 90.

A representación galega chegará o luns, 7 de xuño, da man do ordense Møu, fundador xunto a Sokram do estudio Mutante Creativo; muralista, deseñador e codirector de festivais de arte urbana como DesOrdes Creativas ou o mesmo Rexenera. As súas obras reflexionan sobre a fraxilidade do equilibrio no crecemento colectivo e individual, entre a presunta tradición e o suposto progreso.

Ademáis das intervencións artísticas, o festival contará con algunhas actividades paralelas coas que o público poderá participar e desfrutar activamente do mesmo como son as visitas guiadas polas obras, xogos de pistas para familias, unha gymkana para adultos con premios e entrevistas cos propios artistas participantes mediante directos en Instagram.

Consulta aquí toda a programación.