Todos os alumnos pasarán de curso, salvo “excepcións argumentadas”

A ministra de Educación, Isabel Celaá_Fonte: lamoncloa. gob.es

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, asegurou que “ningún alumno perderá o curso escolar polo Covid-19”, e defendeu o acordo alcanzado este mércores coas comunidades autónomas para que a promoción de curso sexa “a norma xeral” este ano “con maior motivo” tras a suspensión das clases presenciais polo coronovirus.

“A repetición de curso será unha medida moi excepcional que deberá estar sólidamente xustificada”, afirmou Celaá nunha comparecencia no Palacio da Moncloa unhas horas despois de que finalizara a reunión telemática da Conferencia Sectorial de Educación cos conselleiros autonómicos do ramo. A ministra de Educación subliñou que a proposta de fomentar a promoción de curso non se pode considerar un aprobado xeral, unha medida que considera “inxusta”. “Este acordo non concibe esa medidas, por tanto o curso continua. Non hai aprobado xeral”, reiterou Celaá.

A Ministra, acompañada polo secretario de Estado de Educación, Alejandro Tiana, e da secretaria xeral de Formación Profesional, Clara Sanz, sinalaron algúns dos acordos alcanzados coas comunidades, como finalizar o curso en xuño, tal e como estaba previsto, ou permitir a apertura dos colexios no verán para ofrecer actividades de reforzo voluntarias.