Todos os concellos de Galicia sitúanse no nivel medio de restricións, agás A Mezquita, Boborás, Vilardevós, Pontecesures e Paradela que quedan no nivel máximo e Sobrado, Soutomaior, Arteixo e Chantada que están no nivel alto.
Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, logo das conclusións ás que chegou o subcomité clínico. Ademais concretou que os concellos de Bóveda, Castroverde, Carballeda de Avia, Coles, Leiro e Maside van estar en especial vixilancia.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado por Cristina Pérez, xefa territorial da Consellería de Sanidade na Coruña, e do xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, incidiu na situación preocupante da área sanitaria coruñesa, que aínda así mantén a súa actividade asistencial, realizando máis de 500 intervencións cirúrxicas nos últimos días.
García Comesaña destacou que á maior brevidade posible, e en colaboración con AENA, comezarán a facerse tests de antíxenos no aeroporto de Alvedro aos viaxeiros que así o desexen. Posteriormente estas probas tamén se lles ofrecerán aos viaxeiros que cheguen por tren á Coruña.
Continuando coas medidas que se van poñer en marcha na área sanitaria da Coruña e Cee, o conselleiro informou da participación das oficinas de farmacia da provincia da Coruña nas probas de detección por saliva da covid dende a semana que vén.