Tokyo 2020 | O galego Nico Rodríguez suma un novo bronce á vela española


Nunha Medal Race na que defendían seis puntos de vantaxe sobre o barco de Nova Zelandia o equipo español acabou na quinta praza, dúas por baixo dos seus grandes rivais, e mantivo a diferenza necesaria para asegurar o bronce. Jordi Xammar e Nico Rodríguez conseguiron a segunda e última medalla española en Vela en Tokyo 2020. Co ouro practicamente adxudicado días atrás polos australianos Mathew Belcher e Ryan Will, tan só estaban en xogo as medallas de prata e bronce, que foron a parar a Suecia e España, respectivamente. Nico Rodríguez, dentista de profesión, deixouno todo ao carón en 2016 para dedicarse de maneira profesional á vela. Con Jordi Xammar formaron un dúo que se mantivo na elite os últimos catro anos. Unha prata e dous bronces no mundial, prata e bronce no europeo, agora logran colgar ao pescozo a medalla de bronce nuns Xogos, a razón de ser pola que se formou o equipo.