Toque de atención aos veciños da Laracha para manter limpas as parcelas nos núcleos urbanos

Concello de A Laracha

  • Nos próximos días iniciarase o envío dos requirimentos aos titulares das fincas que incumpren a normativa

A Lei do Solo de Galicia establece a obrigatoriedade de manter en óptimas condicións de conservación os solares e fincas situados nos núcleos urbanos, zonas da periferia e áreas residenciais das parroquias. Todos os anos o Concello da Laracha desenvolve unha campaña informativa sobre estas cuestións. Nos vindeiros días iniciará, grazas aos informes da Policía Local, o envío dos requirimentos aos titulares de fincas que incumpren a normativa para que executen as actuacións pertinentes o antes posible.

O incumprimento da norma poderá implicar sancións administrativas para o propietario das parcelas que, no caso de ser preciso, deberá asumir o custe das actuacións que o Concello executará subsidiariamente.