Tordoia conta cun novo parque infantil cuberto


A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou o resultado das obras do parque infantil cuberto no concello de Tordoia, ás que o Goberno galego achega preto de 34.000 euros da Orde de Infraestruturas de uso público.

Segundo indicou a directora xeral, o concello solicitou esta axuda co obxectivo prioritario de continuar prestando os debidos servizos aos cidadáns en condicións de calidade que satisfagan as súas necesidades. Así crease un parque infantil no lugar de Pontepedra, cunha superficie de 185 m2.

Durante a súa visita, Natalia Prieto, destacou a importancia da colaboración entre a administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza, xa que grazas a estas axudas, os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns e que non se poderían levar a cabo en moitas ocasións se non fose pola colaboración entre Xunta e concellos.

Concretamente, o concello de Tordoia nos últimos dez anos ten recibido axudas da Vicepresidencia cun importe de máis de 450.000 euros destinados a proxectos beneficiarios da Orde de Infraestruturas, do Fondo de Compensación Ambiental, ademais de ter acadado o 1º Premio dos Premios Coopera cun proxecto presentado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.