Esta nova infraestrutura emprazarase no núcleo urbano de Pontepedra, a carón doutros servizos da localidade como son o centro escolar, o propio Concello, o centro de saúde e o centro deportivo. Contará co apoio da Xunta, o Concello será quen execute as obras de construción.
A achega do Goberno galego á construción deste centro realizarase a través das Consellerías de Política Social e da de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. No caso da Consellería de Política Social, a previsión é que a sinatura do convenio co Concello se realice no primeiro trimestre do ano. Este acordo fixará a achega de 150.000 euros en dúas anualidades: 2020 e 2021.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse co alcalde tamén esta semana para comezar a concretar a colaboración do seu departamento na construción do centro sociocomunitario, que será un referente en materia ambiental no municipio.
O edificio, cun proxecto de arquitectura sostible, contará cunha superficie construída de 360 metros cadrados en planta baixa e combinará os espazos verdes coas salas para uso das veciñas e veciños. Disporá de auditorio, sala da natureza, zona de recepción, despachos, aseos e patio exterior, entre outras estancias. A intención do Concello é dedicalo especialmente ás persoas maiores.