Tordoia contará cunha senda peonil na estrada AC-413 no núcleo da Tablilla

1 minutes read

Así llo avanzou a conselleira de Infraestrutura e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, nun encontro de traballo telemático.

Tratarase dun itinerario peonil de aproximadamente 500 metros na estrada AC-413, na entrada ao núcleo da Tablilla desde Ordes, para mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos a pé dos veciños.

O obxectivo da actuación, que atende a unha solicitude municipal, é habilitar unha senda peonil en pavimento de formigón, de 2 metros de ancho, a nivel coa estrada, que seguirá o seu trazado en planta e alzado. O proxecto recolle tamén a execución de rede de pluviais para a recollida das augas e a dotación de canalizacións aptas para alumeado e telecomunicacións.

Ademais estanse a estudar outras medidas para o reforzo da seguridade viaria e para o calmado de tráfico na recta da Tablilla, na zona onde se sitúa o linde co concello de Cerceda. Concretamente, estase a analizar a viabilidade de reforzar a seguridade dos xiros ou de pintar liña continua para evitar adiantamentos nese treito de cara a reducir sinistros e as súas posibles consecuencias.