- Sabela Ramil ou Teresa Cuíñas tamén participarán esta semana nas conversas, que contaron estes días con convidados como Gayoso ou Carlos Blanco
A proposta do grupo Tanxugueiras para levar mellor o confinamento á hora do aperitivo, o Tanxuvermú, comezou este luns a súa segunda e definitiva semana, que incorpora ao seu cartel os nomes de Guadi Galego, Pilar García Rego e os youtubeiros O Aquele e Olaxonmario.
Desde o pasado sábado 28 as pandereteiras levan a cabo unha serie de conversas abertas ao público a través da súa canle de youtube con artistas, xornalistas e axentes vinculados ao mundo cultural e musical. Estes encontros virtuais teñen lugar á hora do aperitivo, contra ás 13.00 horas, e dan pé a unha conversa na que se aborda, dun xeito distendido e próximo, unha situación excepcional. Ao longo deste encontro, de media hora de duración, as pandereteiras e os seus convidados achegan como están a vivir estes días, á vez que realizan xogos con letras tradicionais, propoñen actuacións ao vivo ou responden preguntas do público.
Esta semana a serie de conversas arrincou este luns co asturiano Rodrigo Cuevas de convidado, e dará paso, nos vindeiros días, a encontros coas cantantes Sabela Ramil (martes 7) e Guadi Galego (domingo 12), coas xornalistas Teresa Cuíñas (mércores 8) e Pilar García Rego (sábado 11), co humorista Xosé A. Touriñán (xoves 9) e os youtubeiros O Aquele y Olaxonmario (venres 10).
Na canle de youtube o público xa pode remememorar as charlas, xogos e preguntas que Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro fixeron esta primeira semana o presentador Xosé Ramón Gayoso ou o actor Carlos Blanco; ademais dos músicos Rubén Lino (Poetarras), Rubén Sierra (La Pegatina), Monoulious DOP, Verto e Anusha Ramasubramoney (que se atopa na India e acompañou ao grupo na súa xira polo país asiático).