O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse co alcalde de Touro, Ignacio Codesido, para analizar a proposta de reestruturación parcelaria que se levará, o próximo 27 de xullo, ao Comité Técnico Asesor, que preside o propio delegado, no que, ademais, participan todos os órganos que puideran ter algunha alegación á realización da reestruturación agraria que se propón para este concello.
Trenor explicou que nestes momentos está próximo ao seu remate o Estudio Previo de Iniciación para levalo á reunión, que terá lugar a vindeira semana, para a súa aprobación. Esta nova zona de concentración parcelaria, que se propón para Touro, levarase a cabo na zona de Fao-Novefontes, sobre unha superficie de 725 hectáreas, afectará a 8.589 parcelas e a 681 propietarios.
Neste senso, sinalou que “a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio”.