Vitoria de Baskonia no Fontes do Sar este domingo ás 19 horas por 78-87, ante Obradoiro. Triunfo que se cimentou nos instantes finais, mercé ao acerto ofensivo e á intensidade defensiva do últimos cinco minutos. O partido estivo ben xogado e controlado polo equipo local, onde a igualdade era a tónica dominante, ata que o campión puxo a directa e as sobre cargadas pernas, froito do esforzo do Obradoiro, acabaron claudicando.
Arrincaba o serán cun recordo para o capitán do Obra Pepe Pozas, quen se perde por lesión o que resta de tempada. Saltaban á cancha os xogadores locais con camisetas co lema: “Oh, Capitán meu Capitán”, unha chiscadela á mítica película: O club dos poetas mortos e ao seu actor fetiche Robin Williams, como mensaxe de ánimo para o base malacitano.
Mentres Baskonia sacaba un quinteto titular de moitos centímetros, Obradoiro sorprendía coa inclusión de inicio de Cohen, optando por tratar de sacar da pintura ás torres visitantes e apostando polo tiro exterior. Pero os santiagueses non acertaban no lanzamento durante os primeiros compases. Mediado o cuarto empezaron a entrar os tiros, un 2+1 de Cohen e outra canastra de Álex Suárez daba a primeira vantaxe a Obradoiro, 12-11 no minuto 8. A continuación, variante táctica local ante os problemas pola ausencia de bases con Beliauskas (10 puntos, 5 rebotes,2 asistencias e 17 de valoración) e Álvaro Muñoz (15 puntos con 5/8 en triplos, 3 rebotes e 1 asistencia para asinar 14 de valoración) compartindo temón, para dar descanso á esixido base Ozmizrak. E con bastante acerto, pois anotaron 8 puntos ao alimón. Pola súa banda, Vildoza e Dragic reaccionaban, deixando o primeiro cuarto en 20-18 tras este arreón compostelán.
O segundo cuarto comezou igual que o anterior, cos fallos no lanzamento exterior galego. Tomaba protagonismo o xogo interior, acertaban Enoch, Suárez e Cohen con puntos e non permitían que Baskonia marchásese no marcador, debido a que había ameaza de escapada con cinco puntos de diferenza visitante no ecuador do cuarto. Mesmo volvían os locais para adiantarse no último minuto do segundo acto un punto arriba, para rematar 39-40 para os de Vitoria e ambos os conxuntos a vestiarios.
O terceiro cuarto foi o momento de Daum e Muñoz, quen case monopolizaron o caudal anotador galego. Moi boa man de Muñoz con tres triplos moi seguidos e Daum (14 puntos, 7 rebotes e 15 de valoración) castigando á defensa dos de Dusko Ivanovic. No debe local, as constantes visitas arabesas á liña de tiro libre, que castigaron con dureza a Obradoiro. Dubidosa diferenza de criterio arbitral á hora de sinalar as faltas nun ou outro lado, baste citar os 6/6 obradoiristas polos 18/23 baskonistas na liña de persoal. Máxime cando a defensa visitante soltaba mans con suma facilidade. Finalizaba o cuarto cun esperanzador 64-58 para Obradoiro.
E chegamos ao último cuarto. Nun dicir amén, 5 puntos visitantes deixan a vantaxe local nun só punto, tras triplo de Giedraitis (12 puntos, 3 rebotes, 4 asistencias e 11 de valoración) e dous puntos do xigante senegalés Fall (10 puntos, 3 rebotes e 13 de valoración).
Con todo, Obradoiro respondía novamente cunha canastra e dous triplos, Daum e Ozmizrak, 72-66 no minuto 33. Novo carrusel de visitas á liña de tiro libre e Baskonia remontaba, 72-74 no ecuador deste último cuarto. A partir de aí, acelerón, intensidade e a demostrar quen é o campión. Pola súa banda, un Obradoiro que se baleirou durante todo o partido mostrábase exhausto.
E isto se resulta paradoxal, aínda que Obradoiro, non afeito xogar entre semana fixérao o mércores, Baskonia pola súa banda, disputara tanto o mércores como o venres partidos durísimos de Euroliga: Olympiakos e Barcelona. Rotacións e cansazo post covid, quizais sexan máis culpables que o recibir a Estudantes entre semana.
Últimos cinco minutos e show estafe do magnífico mvp onte Vildoza (23 puntos, 3 rebotes, 2 asistencias, asinando 27 unidades de valoración) e Henry (7 puntos, 3 rebotes, 8 asistencias e 15 de valoración). Axudados pola impresionante intimidación defensiva final das torres nadas en Senegal, Fall e Diop, quen fixo o aro visitante moi pequeno ante un Obra con valor pola présa do reloxo, con tapóns e rebotes constantes.
Resultado final, o xa coñecido 78-87. Nove puntos de diferenza que non reflicten ás claras dúroo que lle resultou ao campión ACB gañar o partido, así como o bo xogo dos galegos.
Xogando desta maneira e a pesar de perder, crece o optimismo e a confianza en volver recuperar a senda de vitorias canto antes.
Próxima estación, Badalona, o sábado 13 de marzo ás 18 horas, ante un Joventut asentado en posicións de playoff. Partido duro no que Obradoiro, se dá esta versión, podería levar o gato á auga.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO