Ás doce do mediodía deste sábado, máis de medio milleiro de persoas reuníanse fronte á subdelegación do Goberno de Lugo para esixir unha «solución» ao problema da industria de aluminio da provincia. ‘Enerxía solución’ ou ‘se isto non se arranxa, guerra, guerra’, foron outras dos lemas coreados da concentración, na que políticos de distinto signo mostraron o seu apoio ao comité de empresa, aos traballadores e a moitos centos de persoas procedentes da Mariña de Lugo. Practicamente todos os concellos da zona fretaron autobuses para participar na concentración. Alí, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explicou que «a marcha máis forte» está prevista para realizarse «tamén en Lugo» e ante o Congreso dos Deputados. «Hai que ir paso a paso. Esta semana vai ser moi importante», engadiu. Para o luns está marcada unha reunión de especial importancia co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Para o mércores trasladaranse ata o Congreso dos Deputados, onde reclamarán a «todos os grupos que escoiten á Mariña, a Lugo e o que podería supoñer perder o 30% do PIB da provincia» se se acaba «cunha fábrica como Alcoa».
35