Xuntanza das entidades sociais para a elaboración da estratexia do desenvolvemento local


Representantes das entidades de inclusión social Aspadex, Aspaber, Cruz Vermella, Máis Porvir e Integro, participaron nun grupo de traballo para a elaboración da Estratexia de desenvolvemento local do Programa Leader 2023-2027 nas instalacións de Íntegro en Nantón, en Cabana de Bergantiños. Nesta reunión, á que asistiron tamén representantes políticos e técnicos de concellos da zona, fíxose unha diagnose sobre as principais necesidades do territorio, de cara a garantir un futuro máis igualitario e inclusivo.

As principais problemáticas detectadas relaciónanse coa escasa dotación de servizos á poboación, sobre todo no relacionado coa mobilidade, a infraestrutura tecnolóxica, ou os propios servizos ás persoas. É necesario apostar por unha maior integración das persoas con diversidade no ámbito laboral, pese ás barreiras ou limitacións que seguen tendo moitas entidades privadas, pero tamén públicas.

O illamento e o despoboamento describen a situación actual desta contorna rural, e para frear estas problemáticas considérase que é importante unha actuación integrada e colaborativa entre o tecido público e privado. A innovación é unha ferramenta que se pode aproveitar para frear o abandono, e para iso hai numerosas experiencias noutros ámbitos territoriais que poden servir como exemplo.

Na xornada, o Centro Sociocultural de Baio tamén acolleu a celebración do Segundo Foro de traballo para a elaboración do diagnóstico da Estratexia, que consistiu na realización dunha serie de mesas sectoriais de traballo, nas que se debateron e puxeron en común os principais atrancos ao desenvolvemento así como as posibles propostas de mellora, desde a óptica das entidades agro-gandeiras e forestais, das entidades do ámbito cultural ou ambiental, do tecido empresarial e tamén das entidades do ámbito social.