Augas de Galicia executa actuacións de limpeza e conservación no treito interurbano dos ríos Bouzas e Ponteceso, ao seu paso polo municipio de Ponteceso. Os traballos coinciden con distintos tramos destes ríos, no seu percorrido polas parroquias de Cospindo e Tella.
As tarefas que se realizan céntranse na retirada de árbores mortas e de madeira caída sobre a canle, e na roza selectiva de maleza naqueles puntos susceptibles de reter material e formar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e as súas zonas de acceso e protección.
Este tipo de traballos permiten a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.