O Concello da Laracha está acometendo actuacións de acondicionamento dos entornos fluviais por medio das brigadas medioambientais municipais. Os labores consisten, esencialmente, na eliminación da maleza nas inmediacións do río para facilitar o tránsito a pé e a limpeza integral do lixo e da materia vexetal. Faise cos obxectivos fundamentais de poñer en valor estas áreas de especial riqueza natural e paisaxística da zona interior da Laracha.
As cuadrillas municipais nestes momentos están centrando as súas actuacións no río Anllóns ao longo do paseo fluvial, desde Gabenlle ata o Formigueiro. Nese lugar mantiveron un encontro co alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, que se desprazaron para interesarse polos traballos que se están a realizar. A continuación levarán a cabo intervencións de similares características noutros puntos do Anllóns, nos seus afluentes e tamén nos ríos Vilán, Acheiro e Bradoso.
O persoal das brigadas medioambientais municipais foi contratado en colaboración coa Deputación da Coruña no marco do programa de integración laboral PEL-Concellos Reactiva 2021. Por tanto, estase alcanzando o dobre obxectivo de realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza e, ao mesmo tempo, crear postos de traballo.
O patrimonio natural que conforman as concas dos ríos laracheses son lugares que destacan pola súa beleza paisaxística e biodiversidade e que en, moitos casos, son descoñecidos mesmo polas persoas residentes nas proximidades desas zona. Desde o Concello da Laracha animan aos veciños a descubrir estes entornos que ofrecen os ríos e que, coas intervencións municipais que se están levando a cabo nestes momentos, son de cómodo acceso a pé.