A capital de Bergantiños estivo salpicada este xoves por varios accidentes de tráfico con feridos e cuantiosos danos materiais. O primeiro e máis aparatoso producíase a primeira hora da mañá na parroquia de Goiáns, onde cinco persoas resultaron feridas no choque entre dous turismos, tal e como informou o 112. Os dous seguintes sinistros relevantes producíanse na parroquia de Bértoa, o primeiro ás tres da tarde na rúa Severiano Soutullo, onde unha muller resultou ferida leve. O seguinte, preto das sete da tarde, tivo lugar na avenida dos Abetos, un turismo saíuse da vía provocando diferentes danos noutros coches estacionados. Tras a asistencia ao lugar das forzas da orde, o condutor e propietario do turismo deu positivo en alcol, polo que, ao estar fóra do centro urbano, unha patrulla da Garda Civil de Tráfico instruíu as correspondentes dilixencias.