Tráfico quere acabar coas aplicacións para móbiles que avisan dos controis


As aplicacións para móbiles que nos avisan de radares ou dos controis de tráfico teñen os días contados.
Polo de agora son legais. Todos podemos avisar dun radar sempre que non acheguemos datos persoais nin fotos dos axentes. Pero a DXT quere mudar a situación. A Avogacía do Estado prepara xa un informe para estudar de que maneira se poden frear as alertas destas aplicacións. Tráfico cre que aumentan a inseguridade nas estradas e favorecen, ademais, outro tipo de delincuencia.

Francisco Javier Molano Martín, tenente coronel xefe da Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Galicia: «Na estrada móvese todo tipo de delincuencia, a vial pero tamén a común. Calquera delincuente quere supervisar onde están os controis, así que iso non beneficia porque crea unha sensación de seguridade por parte destes delincuentes que fai que se poñan na estrada e se atrevan a facer cousas que doutro xeito non farían»

Mentres non ilegalizan estas aplicacións, Tráfico combate estas prácticas reducindo o tempo que manteñen os controis nun punto determinado ou facendo controis dinámicos, é dicir, patrullas en movemento que paran condutores aleatoriamente para facerlles controis.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha