O Consello da Xunta aprobou iniciar a tramitación do Proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas, o presidente Rueda explicou “que vai equiparar as bebidas enerxéticas ao alcohol, os vapeadores e ao tabaco”. É dicir, tal e como explicou, grazas a nova normativa “quedará prohibida a venda e consumo destes dous produtos a menores de idade” na comunidade galega.
Tendo en conta os resultados da última enquisa ESTUDES publicada en 2022 sobre as tendencias de consumo da mocidade en canto a alcohol, tabaco, cannabis, bebidas enerxéticas, xogo e uso de internet e novas tecnoloxías, a Consellería de Sanidade deseñou unha lei que promove hábitos de vida saudables e regula o seu consumo, especialmente entre menores. Esta norma segue o mandato acordado polo Parlamento de Galicia de forma unánime en 2021 a través dunha proposición non de lei.
Rueda salientou que grazas a esta normativa “Galicia se vai situar á vangarda na prevención de condutas adictivas en menores de idade” e resaltou que o obxectivo é “combater os efectos perniciosos acreditados” de substancias coma os cigarros electrónicos ou as bebidas enerxéticas. Na mesma liña, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salientou que se trata dunha lei que busca “previr máis que castigar” e coa que se busca “concienciar a sociedade galega” sobre os efectos para a saúde destes produtos e “reducir a tolerancia” que aínda pode existir cara eles.