Tramitación intelixente das solicitudes de cortas de madeira


A Consellería do Medio Rural, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), veñen de dar un paso máis na dixitalización do sector forestal mellorando o sistema de tramitación administrativo para solicitar a realización dunha corta de madeira. Así, a ferramenta intelixente ten como fin guiar aos usuarios na solicitude de cortas de autoconsumo en parcelas afectadas por valores protexidos. Simplemente introducindo a referencia ou referencias catastrais onde se desexa realizar o aproveitamento de madeira e contestando a unha serie de preguntas sinxelas, os usuarios coñecerán en tempo real se a súa parcela se atopa en Rede Natura, protección de augas, afectada por un elemento do patrimonio cultural ou pola protección do dominio público. Desta forma, os usuarios coñecerán cal é o procedemento máis axeitado para a tramitación de dita solicitude de corta.
Esta mellora atende, entre outras, unha demanda dos cidadáns xa que, anteriormente, cando un particular quería facer un aproveitamento de madeira, en función dos valores protexidos da parcela, os solicitantes debían coñecer previamente que trámite facer (declaración responsable ou autorización), e aínda que dispoñían de ferramentas como un visor de mapas para consultar estes valores, en ocasións os trámites elixidos polos particulares non eran os axeitados e conducían a problemas posteriores.