Transcendental partido para o Calvo Basket Xiria en terras ourensás


Chegamos á parte final da tempada 22/23, para o Calvo Basket Xiria. Con sete partidos por disputar, hai moito que decidir nestes case dous meses que faltan para o remate da Liga EBA Grupo AB. Este sábado 25 o equipo carballés disputará un partido no que terá a outro similar ao seu carón, cun só partido menos gañado (10º posto na clasificación) e ao que se enfrontará na súa cancha (Pavillón Os Remedios – Ourense ás 17h). Esta semana o Basket Xiria adestrou pouco no Pavillón Vila de Noia, por mor do festivo e o cambio das canastras, pero a intensidade, concentración e gañas estivo o máximo nivel.
Héctor Méndez contará con todo o seu plantel dispoñible, sen ningunha baixa, para enfrontarse a un Solgaleo Bosco, sabendo que non será o partido da ida (+29 puntos para os carballeses). O Equipo sabe que terá que pelexar duramente se quere sumar unha nova vitoria, logo de dúas derrotas consecutivas, polo que é importante estar concentrados ao 100%, moi activos en defensa e xogando un baloncesto en ataque sen complexos, rápido e fluído, como levan facendo na tempada.
O Solgaleo Bosco Salesianos conta cun equipo moi conxuntado, onde destacan os escolta Manuel Varela (14 ptos+5 reb en 30min´), o rumano Gabriel Preotu (10 ptos+5 reb en 28min´), o aleiro marfileño Teti YvEs Henry Tape (8 ptos+9 reb en 24min´) e o ala-pivot Marco Villaba (12 ptos+8 reb en 27min), entre os seus mellores expoñentes, polo que os xogadores do Calvo Basket Xiria deberán estar moi atentos en defensa e realizando ataques contundentes, despregando as súas mellores armas e xogo colectivo de ataque.