Transformación industrial de Televés cara a Industria 4.0


  • Esta iniciativa, que contou cunha axuda pública de preto de 5,8M€, supuxo a creación de máis de 25 postos de traballo.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou as instalacións de Televés Corporación en Santiago de Compostela para participar no acto de peche e presentación de resultados de Corp4Future, un proxecto que contou co apoio do programa Fábrica Intelixente e Sostible da Xunta de Galicia.

O proxecto Corp4Future, no que participaron como socias tres empresas do grupo, supuxo un investimento final de máis de 23 millóns de euros, para o que contou cunha axuda pública de preto de 5,8 millóns de euros. Ademais, esta iniciativa fixo posible a realización de 740 liñas de actividade e a creación de máis de 25 postos de traballo co obxectivo de avanzar cara a un novo modelo de Industria 4.0, baseado na xestión intelixente da información a través de diferentes tecnoloxías –internet das cousas, o Big Data ou a realidade aumentada– para mellorar os procesos produtivos e deseñar solucións e funcionalidades que permitan abrir novas oportunidades de negocio.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu ao acto de peche do proxecto Corp4Future apoiado polo programa Fábrica Intelixente e Sostible.

Así, a directora de Gain sinalou que estes procesos de transformación da industria galega teñen unha gran potencialidade para o crecemento da economía galega, na medida en que as solucións avanzadas que ofrece a Industria 4.0 reverten nunha redución de custos de fabricación, a posibilidade de personalizar os produtos, a apertura de novas oportunidades de negocio –o que se traduce en maior produtividade e competitividade– e, en definitiva, en crecemento económico para Galicia.

Televés está contribuíndo a este obxectivo a través da transformación dixital das súas plantas para optimizar os procesos produtivos e deseñar produtos personalizados que atendan ás demandas dos seus clientes e mercados.

O programa Fábrica Intelixente e Sostible ten como obxectivo contribuír a acadar un novo modelo industrial para Galicia baseado na innovación como ferramenta de competitividade e elemento esencial para a creación de emprego cualificado, a atracción de investidores que aposten pola innovación como estratexia de negocio e o incremento do peso da actividade industrial no PIB galego.