O buque quimiquero “Blue Star”, que encallara na costa de Ares a finais do mes de novembro de 2019, e tras varias semanas na zona fora rescatado, chegou a media mañá deste luns á cidade turca de Tuzla, onde quedou atracado nun dos peiraos desta localidade do Mar de Mármara.
O barco partira o pasado 10 de marzo de Ferrol, polo que completou esta travesía en vinte días, sendo levado polo remolcador “VB Hispania”, do Grupo Boluda. Agora, será reparado no mesmo país de onde é o seu armador, e non será despezado, como se chegou a asegurar nun primeiro momento.
O buque, debido á manobra de varamento e da intensidade das ondas, sufriu varios danos no seu casco, ademais de na hélice, sendo sometido a traballos de reparación nas instalacións de Navantia Ferrol, nun dos seus diques, pero finalmente non se chegou a materializar a súa reparación ao completo, ao non chegar a un acordo económico os propietarios e o estaleiro naval público, unha actuación que lle permitiu viaxar remolcado.