O 112 Galicia tivo constancia dun incendio na Rúa da Merced, despois de que un particular chamase para informar do suceso na tarde deste xoves. Ao mesmo tempo, o alertante indicaba que había unha persoa dentro da cociña onde se estaba producindo o lume.
Decontado, o 112 Galicia pasou o aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros da Coruña, Policía Nacional, Policía Local e Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade.
O incendio foi sufocado polos particulares ao facer uso dun extintor. Sen embargo, isto non puido evitar que ardera tanto a cociña como os mobles do seu interior.
Da mesma maneira, a muller que se atopaba na cociña no momento no que se produciu o lume tamén se viu afectada, sufriu unha queimadura e intoxicouse co fume, polo que os servizos sanitarios procederon ao seu traslado.