Trasladada unha persoa por inhalar fume tras un incendio en Barbadás causado posiblemente por unha vela

Imaxe dun camión de bombeiros

  • O incendio produciuse nun inmoble situado no Paseo do Samieiros a primeira hora da mañá

Unha persoa foi trasladada esta mañá polos servizos sanitarios por culpa da inhalación do fume que provocou, posiblemente, unha vela acendida.

Foi o mesmo implicado quen, ás 08:30 horas deste martes, chamou ao 112 Galicia para informar de que tiñan a casa chea de fume. El mesmo indicaba que podía ser debido a unha vela que deixaran acendida. A partir de aí, varios veciños do inmoble, situado no Paseo do Samieiros, chamaban ao 112 para alertar de fume nas escaleiras.

Os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de San Cibrao, do GES de Pereiro, da Policía Local e de Protección Civil da localidade.

Tras chegar ao lugar, os membros do GES confirmaron que os Bombeiros nada máis chegar sufocaron o lume, probablemente, provocado por unha vela.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos Bombeiros, ardeu unha zona do salón, dous mobles e diversos cables. Ademais, indicaron que unha persoa tivo que ser trasladada, por precaución, ao Hospital Clínico Universitario de Ourense debido á inhalación do fume que causou o incendio.