Trasladadas seis persoas despois dun incendio nunha vivenda en Santiago de Compostela

Seis persoas precisaron asistencia médica a na noite deste domingo despois de declararse un incendio na cociña dunha vivenda en Santiago de Compostela. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as persoas afectadas foron trasladadas a un centro médico ao presentar síntomas por intoxicación de fume.

Os feitos tiveron lugar na Praza de Europa, á altura do número 17 e foi necesario evacuar o edificio.

As chamadas ao 112 Galicia de varias persoas particulares permitiron activar un operativo no que participaron a Policía Local, a Policía Nacional, os Bombeiros de Santiago e Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Unha vez na vivenda, os servizos de emerxencias atallaron o incendio, que calcinou a cociña por completo e deixou a vivenda totalmente afectada polo fume.

Finalmente, xa controlada a situación, os ocupantes das vivendas puideron regresar ás súas casas.